Noguerol.eu Rotating Header Image

African Blues

Amina Claudine MyersAfrican Blues

A maxia fana as persoas

Máis dunha vez das que andei predicando por foros diversos adiante labuenanueva do papel de internet en sectores varios acabei renegando dese omnímodo poder que moita xente lle atribúe á rede de redes. E creo que é bo e san que a xente que traballa nese ecosistema TIC evite caer en evanxeos reducionistas sobre as novas autoestradas que as tecnoloxías labran no cotiá das nosas realidades.

Digo isto ao fío dunha análise que veño de ler onde un experto subliña que, se ben os recentes acontecementos en Tunisia e Exipto non foron unha revolución por internet “sen internet esta revolución non se tería producido”. Unha rotundidade da que os optimistas do planeta debéramos discrepar. Por saúde mental e transformadora debéramos confiar en que han de existir ducias de catalizadores alternativos capaces de acender a faísca do cambio. O mesmo no Cairo que aquí ao lado.

Reducir a enerxía mobilizadora na que desembocaron as ansias de cambio e as décadas de humillacións e reivindicacións á simpleza dunha revolución con clave internáutica esquece moitas leccións necesarias, posiblemente as leccións máis importantes. Podemos expoñer se queren as estatísticas que nos din do feble número de computadores, conexións ou contas en redes sociais. Mais non será necesario. Cando se vaia debullando o relato do día a día destas semanas históricas descubriremos que había poucas máquinas e moitas persoas.

Non, a tecnoloxía non fai maxia. A maxia fana as persoas. Persoas turrando polos seus dereitos e por tempos mellores. Persoas ilusionadas. E se as TIC, cando as haxa, poden servir para axilizar, poñer en contacto e mobilizar en tempo récord, benvidas sexan. Pero os ‘Nunca Máis‘ do planeta, agora e sempre, agromarán da capacidade da xente para brincar por riba das resignacións e pedir en voz alta por un outro futuro.

 

(Artigo en Xornal de Galicia)

Luz de Tebra

Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz“Mentres eu escribía estas historias médicas, o escritor Costa Clavell ingresaba no Hospital Vall d’Hebron de Barcelona para ser operado a vida ou morte do corazón. Nada máis abrir o cirurxán a gaiola torácica saíu dela un merlo, que se elevou en voo resolto na atmosfera inanimada do quirófano (…)”

Velaí comezo de Mal de Amores, o primeiro relato de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz. O libro está sendo tan fermoso como prometía ese inicio. (Aquí unha entrevista ao autor en Galicia Hoxe: “A vida é moi literaria”)

Wanderer über dem Nebelmeer

Wanderer über dem Nebelmeer

Recordando o “Camiñante no mar de néboa”, de Caspar David Friedrich, visto o ano pasado na Kunsthalle (Hamburg)

Quenda para Marrocos o 20 de febreiro?

Visto no Facebook: 20 février 2011, Le Réveil Marocain.

-Un terzo da poboación marroquí son mozos de entre 15 e 19 anos
-A mocidade representa o 82% do desemprego
-O país rexistra un 40% de analfabetismo
-O PIB por habitante é de 3.527 euros
-Un terzo da poboación vive por baixo do umbral da pobreza
-Con múltiples intereses na rede económica do país, o monarca Mohamed VI converteuse no sétimo máis rico do mundo

Logo de que o pobo tunisiano e exipcio falase forte e claro nas rúas, os marroquís prepáranse para facelo. Mesmo hai enriba da mesa argumentos socioeconómicos aínda máis fortes que ás dos veciños en revolta.

Galicia, “parador”

Manolo Rivas este venres en El País:

“Cando o do desastre do Prestige, un dos efectos positivos do movemento cívico foi provocar unha revolta de mentalidades. Había que emerxer do naufraxio. Darlle a volta á catástrofe para se por a andar. Galicia non podía ficar en stand by, a velas vir, parada. E entón foi cando o Goberno pariu a grande idea. O que había que facer era un parador nacional.
Coa perspectiva do tempo, a cousa ten a súa ironía. Se Galicia se move, hai que ofrecerlle un parador.
-Andan os galegos moi revoltos, xefe. Hai que facer algo que os tranquilice.
-Pois mandarlles o mapa dun parador!
E así ficamos outra xeira de anos. Parados á espreita dun parador.

(….)

Os lugares falan. Os lugares adoitan expresar o que queren ser. Esa é unha clave da intelixencia urbanística.
E se algo quere ser, se algo merece ser, a xenuína prisión provincial da Coruña é un espazo de liberdade”.

Parar o parador, liberar a prisión

remexendo na néboa… ‘Surreal Sunrise’, de David Kaplan, no National Geographic

Prensa gratuíta vs prensa de pago

Para a reflexión, a entrevista a Valérie Boagno, directora xeral do suízo Le Temps:

“¿Y los jóvenes, santo grial de la prensa actual, en todo esto? “Los jóvenes no van a leer Le Temps por muchos esfuerzos que hagamos y por mucha gratuidad que propongamos. Ellos se sienten más cómodos con la prensa gratuita, redes sociales o los blogs. De hecho, a los 20 años yo no hubiera leído mi propio producto”, afirma Boagno, de 45 años, riendo”

O cemiterio de Praga

A pé da árbore de Nadal desembarcou o libro ao que lle tocou o primeiro na lista para ser roído neste 2011: ‘El cementerio de Praga’, de Umberto Eco. E aproveitando a sobremesa do día de Reis deille fin á historia protagonizada por Simón Simonini, un personaxe tan interesante como odioso: misóxino, falsificador, asasino… A novela conta das obsesións do antisemitismo no século XIX que desembocaría na tolemia do Holocausto pouco tempo despois. Mais o escenario é na primeira parte o contexto da reunificación italiana durante a segunda metade do século XIX e posteriormente o París desas mesmas décadas. Un ferver de personaxes reais que interactúan co ficticio protagonista dándolle forma ao delirante fío da historia.

Dúas notiñas máis:

Primeiro: o útil que sería unha edición anotada deste libro, onde se explicasen cando menos algunhas referencias que axudarían a calquera lector a seguir a historia. Máis aínda, o interesante que podería ser unha web de recursos vencellada a unha novela tan densa e documentada.
Segundo: a sorpresa polas acusacións que recibiu Umberto Eco en Italia por parte da xerarquía xudía, acusándoo de coquetear co antisemitismo. Ridícula afirmación sobre un libro que pretende ser xusto o contrario. Igual de ridículo é o malestar desde as xerarquías católicas. En fin… Escribía Javier Rodríguez Marcos en El País: A Dios no le gustan las novelas: “Mala noticia para la civilización: las religiones del Libro ya no saben leer. Confunden autor y personaje y parecen incapaces de captar la ironía”.

“E a iso chamámolo o sentimento do mercado”

-Pero agora dise que a crise pode converterse nun colapso financeiro… Pódese evitar?
-Pódese evitar se gobernos e bancos centrais nos devolven aos especuladores os cartos que perdemos.
-Pero iso non sería recompensar a cobiza e a estupidez?
-Non, non. Iso é simplemente recompensar o que o primeiro ministro chama o enxeño do mercado…. Non queremos eses cartos para gastalos, senón para seguir mercado e vendendo coma sempre sen preguntarnos polo que pasou.

A vídeo brincadeira está tirada do artigo Cidadáns nevados, gobernos conxelados, da bitácora de Ramón Lobo.