Noguerol.eu Rotating Header Image

O cemiterio de Praga

A pé da árbore de Nadal desembarcou o libro ao que lle tocou o primeiro na lista para ser roído neste 2011: ‘El cementerio de Praga’, de Umberto Eco. E aproveitando a sobremesa do día de Reis deille fin á historia protagonizada por Simón Simonini, un personaxe tan interesante como odioso: misóxino, falsificador, asasino… A novela conta das obsesións do antisemitismo no século XIX que desembocaría na tolemia do Holocausto pouco tempo despois. Mais o escenario é na primeira parte o contexto da reunificación italiana durante a segunda metade do século XIX e posteriormente o París desas mesmas décadas. Un ferver de personaxes reais que interactúan co ficticio protagonista dándolle forma ao delirante fío da historia.

Dúas notiñas máis:

Primeiro: o útil que sería unha edición anotada deste libro, onde se explicasen cando menos algunhas referencias que axudarían a calquera lector a seguir a historia. Máis aínda, o interesante que podería ser unha web de recursos vencellada a unha novela tan densa e documentada.
Segundo: a sorpresa polas acusacións que recibiu Umberto Eco en Italia por parte da xerarquía xudía, acusándoo de coquetear co antisemitismo. Ridícula afirmación sobre un libro que pretende ser xusto o contrario. Igual de ridículo é o malestar desde as xerarquías católicas. En fin… Escribía Javier Rodríguez Marcos en El País: A Dios no le gustan las novelas: “Mala noticia para la civilización: las religiones del Libro ya no saben leer. Confunden autor y personaje y parecen incapaces de captar la ironía”.

Comments are closed.