Noguerol.eu Rotating Header Image

Xornalismo, aventura necesaria

Artigo esta semana en Xornal:

(Róubolle dúas palabras aí ao veciño de Cadrón para titular este artigo. Afable como é, estou seguro que ao amigo Sucasas non lle ha de importar o furto sempre que sexa con boa intención. Así que direille que, se o que subscribe estas liñas fose da xente que se adica a montar periódicos, armaría un aínda que fose polo pracer de poder seguir lendo os seus artigos)

Nalgunha noite de canfurnada non exenta de sesuda reflexión e propostas varias para toda clase de problemas, escoiteille a alguén poñer espectaculares datos enriba da mesa dos viños: hai por aí lugares onde o metro cadrado de nicho xa se lle equipara ao metro cadrado de vivenda nova. Aí queda dito para a respectiva avaliación. Porque as xuntanzas tabernarias son como as tertulias de intereconomía: hai viño, non fai falta contrastar datos e valórase moito a irreverencia, sacar peito e pontificar con abusadora firmeza.

Isto de falar dun nicho en termos de metros cadrados non deixa de ser un algo perturbador. Pero diante destes abafadores datos, xa sabe: se ten vostede por aí unhas leiras para recualificar e paciencia e posibles para facerlle as beiras a algún concelleiro do ramo, a próxima vez que cavile en darlles saída pense en que se cadra o mellor negocio non vai estar en construír pisos, senón en distribuír espazo para sepulturas. A morte é un negocio gorentoso e inevitable. Un individuo calquera poderá ter ou non catro patacóns para financiar un pendello para o día a día, pero o que é seguro é que, antes ou despois, vaille tocar cita coa gadaña. E cando esa cita toca, os galegos somos de rañar o peto e gastar o que faga falta.

Idiosincrasias. Parece que os galaicos somos moito de non aforrar en gastos no que a cuestión de morte se refire… mesmo agora que decidimos adicarnos tamén a enterrar periódicos. Dicíamo un quiosqueiro nunha das últimas defuncións xornalísticas: “Hoxe sácanmo das mans”. Xa que especular con centímetros cadrados de esquela non rende o mesmo que facelo con leiras urbanizables, débeda pública ou nichos, igual esa era unha solución para o fenecente ecosistema mediático. Fundar periódicos con data de caducidade que se mercasen, aínda que fose, coincidindo co anuncio do peche.

Cando un xornal pecha, e levamos máis de un en tempos recentes, boto de menos moitas sinaturas e brillantes retallos de opinión que acostumo a ler. Pero sobre todo boto de menos os laboriosos xornalistas que constrúen o proxecto todos os días. Ousadas reportaxes, agudas entrevistas, artesanais crónicas, intrépidas entrevistas, en definitiva, o magnífico xornalismo despregado en todas as seccións.

Non sei se a aventura de espléndido periodismo de Xornal remata aquí. Pero sexa como for, e aínda que o xornalismo semelle ser unha aventura destinada unha e outra vez a guindarse por algún precipicio da realidade, seguirá sendo, agora e sempre, unha aventura necesaria. E nesa aventura seguirá habendo incansables valentes. Xornalistas. A miña homenaxe a todos eles.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *