Noguerol.eu Rotating Header Image

Un programa non, unha actitude

A inercia de ilusión mobilizadora derivada do 15M está creando urxencias e impaciencias a varias bandas. Entre os teimudos en desprestixiar o movemento, entre os receosos que se debaten no medio da suspicacia e a indiferenza e, tamén, entre os que, entregados á causa sen reparos, arelan cambios radicais e inmediatos.

É probable que de aí xurda a insistencia en clasificar, cuantificar e empaquetar o feixe de ideas e propostas que, a moreas, agroman estes días de ducias de prazas en todo o Estado. Do mesmo xeito, a fraxilidade ou inxenuidade dalgunhas desas ideas sérvelle aos máis reticentes para cargar contra o movemento e entregárense ao vilipendio ou ao desencanto.

Esa inxusta belixerancia está explicada, no fondo, na obsesión por poñerlle etiquetas ao movemento 15M. É o inevitable afán por discernir con exactitude quen son, que queren e, vindo máis ao rego destes días, que programa político teñen e a quen van ou non van votar esa marea de persoas que ateigan as rúas.

E, ao meu ver, xusto aí está o erro desas análises. A indignación non é patrimonio exclusivo dun espazo ideolóxico nin de simpatizantes de determinado sector político. A indignación, a destes días, é transversal, plural, ceibe e toma forma en multitude de aspectos, detalles e reclamacións.

Por iso, o que abrolla nesta mobilización é moito máis rico e complexo que a reducionista visión na que ás veces o queren encaixar. Probablemente non está a construírse un “programa” político. Máis ben, o que está a artellarse é unha “actitude” diante de e na política. Un novo talante cidadán que xunta na mesma praza o mozo que nunca antes se mobilizara por causa ningunha e se estrea agora nas reclamacións a pé de rúa, xunto co que leva anos mobilizándose en nome de causas diversas. Un punto de inflexión ben parecido a aquel que vimos no tempo do Nunca Máis: novos azos, voces e brazos que, cando este tempo de concentracións esvaeza, encarreirarán os desexos de cambio a través de colectivos veciñais, asociacións socioculturais diversas, mesmo en formacións políticas ao uso. Unha marea de xente que, en todo caso, permanecerá a partir de agora, máis activa.

Gañamos en paixón participativa, en cidadanía esixente. Sexa como for, é un paso firme, e non pequeno, en prol desa Democracia Real.

Artigo en Xornal: Un programa non, unha actitude

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *