Noguerol.eu Rotating Header Image

Tesouros Vivos

“Adeus, estrela brilante/Compañeiriña da lua/Moitas caras teño visto/Mais com a tua ningunha”. No abalo das voces tenras, e espidas de instrumentos, de Uxía e João Afonso cociñouse hai máis de dez anos, e ao ritmo destes versos, un momento emocionante. Era a estrea dun camiño de colaboración musical amadriñado pola asociación Ponte nas Ondas ao abeiro das súas xornadas en prol do patrimonio inmaterial galego-portugués.

Eles foron pioneiros dunha experiencia que contou co aloumiño de moitos outros cantores. Recordamos a Chico César versionando o Verdegaio ou a Peneira, a Manu Chao regueifando co Pinto de Herbón, á ‘Maga’ Margareth Menezes, a Daniela Mercury, a pegada mozambicana de Amelia Muge… Todo un luxo de experiencias musicais que hai poucos meses tivo abrocho dourado cun fermoso libro-disco coordinado pola artista paraíbana Socorro Lira. Un agasallo de excepción que, no seu lenzo de cores atlánticas, debuxa a inspirada entrega de creadores galegos, portugueses, brasileiros e africanos para ofrecer unha renovada ollada sobre as cantigas de amigo.

E haberá quen se sorprenda se lles conto que malia esa vizosa traxectoria, esta faragulla musical é apenas un dos pequenos logros conseguidos por unha experiencia educativa con quince anos de historia. Un vieiro que neste tempo xuntou milleiros de cativos en escolas galegas e portuguesas, pero tamén de Brasil, Arxentina, Cuba ou Chile coas súas xornadas radiofónicas. Que promoveu o coñecemento ás dúas beiras do Miño das semellanzas de cantares, danzas, contos ou lendas. Que alentou a homenaxe a mulleres e homes, tesouros vivos, que agariman na súa memoria ese patrimonio intanxible en perigo de ser esquecido…

Eu quero lembralos especialmente nestes días no que se fixeron públicos os novos elementos para a Lista Indicativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco. A posta en valor do patrimonio inmaterial galego-portugués pola que Ponte nas Ondas tanto ten traballado inclúe entre os seus desafíos a inclusión nesa lista. Nesa arela, a propia Unesco tenos felicitado. Mais as medallas do recoñecemento van para outras propostas que, seica mediaticamente máis vistosas, son as que veñen contando coa maioría de apoios institucionais desde hai anos.

Estou seguro de que malia as absurdas indiferenzas institucionais e as portas pechadas coas que teñen topado, eles non desfalecen. Son mestras, nais, pais, nenas e nenos que constrúen no día a día a realidade colaborativa dunha Eurorrexión que nalgúns despachos non pasou aínda do papel. Eles, lonxe de espellismos e promesas incumpridas, acariñan eses tesouros intanxíbeis e divulgan o orgullo polo noso patrimonio inmaterial. E un ano máis todo un mar de traballo desinteresado desembocará nun novo feixe de esforzo e creatividade cara á vindeira primavera.

A miña admiración a Ponte nas Ondas pola súa audacia imparable. A súa ilusión fainos mellores.

(Artigo en Xornal de Galicia)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *