Noguerol.eu Rotating Header Image

Eu

Nado en Chantada hai un golpe de anos en tempo de cereixas. Na Ribeira Sacra, a pé do mar de dentro.

Roberto Noguerol - Redacción Vieiros

O retrato, tamaño ‘geyperman’ a figura orixinal, élles cortesía da factoría dun recoñecido todólogo.

Falando a serio:

Lic. en CC. da Comunicación (USC), diplomado en CC. da Educación (UDC), Máster en Sociedade da Información (UOC), e Diploma de Estudos Avanzados esp. CC. Políticas e da Admin (UOC). Foi xefe de redacción de Vieiros, diario decano da internet galega. Ampla experiencia en traballos de xestión de contidos e consultoría TIC.

E esfarelando un chisco máis nas migallas da memoria…:

Ata hai ben pouco fun xefe de redacción dese fermoso proxecto que foi Vieiros. Un medio nacido cando a rede galega estaba en cueiros e convertido en referencia da prensa dixital grazas ao cariño e esforzo de moita e moi valiosa xente.

Vieiros deume a oportunidade de coñecer a extraordinarias persoas, vivir experiencias únicas e de espremer a vocación xornalística para a que no seu momento me formei na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

Mais nesta traxectoria profesional e creativa tamén tiven a oportunidade de acumular unha ampla experiencia no eido da produción de proxectos para a web. Con Vieiros e coa empresa Acordar puiden participar e aprender á beira de moitas persoas que hoxe son destacados e recoñecidos profesionais no deseño, produción e edición de iniciativas online, consultoría e asesoramento TIC e desenvolvemento de proxectos de comunicación interactiva.

Vivir a evolución da rede en Galicia desde tan cedo foi tamén argumento para que en moi diversos foros me teñan convidado a ‘predicar’ sobre as TIC. Teño falado en congresos, foros e conferencias diversos sobre a relación das novas tecnoloxías coa cultura, coa educación, coa economía, ONGs, xornalismo, economía, administración, etc. En 2006 tamén participei como relator no panel de expertos do Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información 2006-2010 (PEGSI).

Deixei faragullas xornalísticas en recantos ben diferentes, desde publicacións como La Voz de Galicia onde andiven de bolseiro hai un feixe de lustros até o Xornal de Galicia, onde acubillan as miñas pensadas desde hai pouco. Tamén deixei frangulla en revistas como a galega Tempos ou mesmo publicacións catalás como Sostenible.cat e en.red.ando ou diversos medios latinoamericanos a través da que foi a Axencia de Información Solidaria. Polo medio aproveitei tamén para colaborar con algunha emisora radiofónica ou para experimentar co podcast, e cos weblogs tanto a xeito individual como colectivo.

Coordinar contidos para unha revista de emprendedores da USC, elaborar información para Banco Pastor ou Caixa Galicia, manter un espazo sobre novas tecnoloxías e sociedade en colaboración co Observatorio TIC e o Colexio de Xornalistas, colaborar co Observatorio para a Cibersociedade… Deume tempo a facer un golpe de cousiñas, e tamén axudar a erguer grandes catedrais como foi por exemplo a web do Concello de Vigo ou pequenas capelas ás que lles gardo un agarimo especial, como foi ‘No río do tempo’, a web homenaxe a Francisco Fernández del Riego, ex-presidente da Real Academia Galega.

A creación e coordinación da que foi a primeira revista de educación en liña en Galicia, gracias a axuda da teleco R, ou a colaboración con proxectos de radio educativa son experiencias que gardo tamén con agarimo froito específico da experiencia adquirida na Facultade de CC da Educación, a miña outra gran vocación ademais do xornalismo.

Alén de felicitacións e cariños recibidos, da traxectoria en Vieiros gardo memoria dun feixe de premios colectivos (desde o Manuel Beiras ou o Xoán Manuel Pintos até os galardóns especiais de Eganet ou da AETG). Ademais, en 2006 tocoume un a título individual: o IV Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación.

No momento de escribir estas liñas ando enleado en experimentar con outras cuestións vitais e profesionais, mais da semente deses e moitos outros ingredientes, ben peneirados, agromarán en breve novas ideas e proxectos.

Neste caderno de notas espero ir dando conta dalgúns deles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *