Noguerol.eu Rotating Header Image

O outeiro ao que non subiu Bieito XVI

Tiven a sorte hai un pequeno feixe de anos de ser alumno do coengo Manuel Espiña. Foi un paso fugaz, mais de experiencia intensa, polas aulas dun deses cregos que debera quedar na memoria colectiva do país como referencia de compromiso galeguista e a pé do pobo. Finado a comezos deste mesmo ano, o Padre Espiña era un firme defensor dunha outra Igrexa posible. Unha Igrexa construída sobre unha natureza cristiá que para el tiña unha esencia revolucionaria, transformadora e útil, lonxe das severas rixideces que lle apoñía á dirección vaticana.

Lembreime ben del a fin de semana pasada, contemplando a enfartura que decorou o escenario compostelán para recibir a Bieito XVI. Veume á memoria a imaxe do vello crego pontevedrés aquel día que bouraba, nas súas palabras, do que chamaba ‘camarilla’ vaticana. Lembrei tamén a súa particular análise daquel Ratzinger que anos despois sería elevado ao Papado, para el un representante dunha elite que vive entre adobíos dourados lonxe das realidades cotiás da comunidade que din representar.

O Espiña foi exemplo pioneiro, xa na altura dos anos 60, á hora de levar a lingua do pobo ao centro da liturxia cristiá, malia obstáculos, paus e incomprensións que aínda non desapareceron. Refachos do seu pensamento apareceron en prensa baixo o título ‘Outeiro de San Xusto’, un espazo simbólico baseado na súa convicción da necesidade de combater os outeiros de conformismo dos que teiman en que todo siga igual. Recordo ao Padre Espiña no aula fervéndolle o sangue mentres contaba de monseñor Óscar Romero e da Teoloxía da Liberación. Falar con admiración da enerxía que impulsa a aqueles representantes da Igrexa que, como o asasinado arcebispo salvadoreño, cren que a denuncia das inxustizas é obriga irrenunciable dun crego se está a pé dun pobo humillado.

O comprometido Espiña era tamén un optimista que, cando o Beiras sacara á luz nos 70 aquela súa obra de referencia sobre a economía galega, saudaba o abrollo analítico como exemplo dunha nova xeración de galegos dispostos a “desentarangañar o noso tarangaño”. Espiña chanceaba con humor cando relataba de como máis dunha vez significados membros da xerarquía o reprenderan animándoo a aparcar o seu espírito reivindicativo con promesas de ascenso no escalafón do poder católico. Pero non era home de renuncias. Lémbroo berrar, con orgullo convencido, un “Viva a República!” nun acto público en homenaxe a Curros. Amigo Espiña, como seica lle dixera dunha vez Luís Seoane, “No Deus que vostede predica, tamén creo eu”.

(Artigo en Xornal de Galicia)

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *