Noguerol.eu Rotating Header Image

Moito tren para tan pouca vía

Aló por Burgos unha mañá que viaxaba nun tren que, presuntamente contra a noitiña, me deixaría en Compostela, acordoume un ferroviario que me contaba que en Galicia tiñamos os mellores mecánicos do sector.

Relatoume que eran capaces de dar nova vida a máquinas e vagóns asignados ás liñas de tren galegas: “O peor refugallo”, aseguraba entre risos. Sensación de viaxar en tren de xoguete que tiven tamén mentres o convoi agardaba parado a que pasase outro por mor da vía única.

Na cousa dos camiños de ferro, a resignación e o humor foi durante moito tempo a terapia coa que o país dixeriu a ingrata e obstinada actitude coa que desde Madrid xestionaron gobernos de cores diferentes a esixencia histórica de investimentos nas infraestruturas ferroviarias de Galicia. Un país que esperaba como un cativo en tempo de reis, a ver se lle botaban un tren polo Nadal.

Entretidos co inacabable tirapuxa das datas para a finalización ou non dun tren de alta velocidade, a obsesión pola resolución dese compromiso deixoulle papel secundario a esixencias tanto ou máis prioritarias. Vexan senón a alegre irresponsabilidade coa que se arramplou coas vellas vías, quitándolle acceso a un golpe de vilas e freando a posibilidade dun ferrocarril de proximidade capaz de articular as principais cidades e áreas metropolitanas.

Necesidade urxente e prioritaria e estratexia na que andan desde ben atrás noutras xeografías: reforzo de servizos, extensión de liñas, aumento de frecuencias… mentres o TAV (tren de alta velocidade) sería só un extra a competir co avión.

Aquí puxéronnos a mirar extasiados cara ao sol do TAV, mentres embaucados por esa promesa con refachos divinos esqueciamos que antes de poñer o pé en Marte cumpriría ser capaces de pisar a Lúa.

En todo caso, benvido será cando queira que chegue, pero de agora en diante cumpriría ser máis esixentes coas prioridades. Pasmando menos na inmediatez reducionista de rabuñar millón arriba ou abaixo ou adiantar lustro máis ou menos as eternas e grandiosas promesas.

Peneirando o grao miúdo das políticas, hai esixencias importantes no detalle. Deslúmbrannos cun bastón de empuñadura dourada a cambio de amputarnos unha perna sen que nos queixemos.

Non me poñan TAV a Madrid se a cambio levantan vías de proximidade. Non me fagan tren de luxo mentres a maioría de viaxes no eixo atlántico queden condenadas a encher as estradas. E… mírenme unha cousa no mapa: se cadra, desde estas terras atlánticas, para chegar a Europa non é necesario pasar por Madrid.

 

(Artigo publicado en Xornal de Galicia)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *