Noguerol.eu Rotating Header Image

Mételle aí un I+D+i

Houbo un tempo en que a cousa da I+D+i estaba de moda nos discursos. Sobre todo nos políticos. Metíalle un no medio dunha alocución unha boa frase do tipo “e ademais imos mirar polo tema da I+D+i” e xa lucía máis o argumentario. O futuro, a vangarda, todas as solucións posíbeis, pasaban polo elixir radiante e xenial da I+D, suxestiva apócema para a transformación das nosas vidas. Mais, brincadeiras aparte, e malia o abuso das retóricas, por sorte a aparición do concepto nos discursos comezou por estes pagos a ter efecto na realidade das propostas e as políticas.

Neste sentido, a pasada lexislatura foi un prometedor punto de inflexión. Baste con mencionar, alén de inxeccións orzamentarias concretas, proxectos clave como o Plan Galego de I+D+i, o PEGSI, o Programa Imán, a Rede de Plataformas Tecnolóxicas, etc. Iniciativas que trataban de recuperar lustros de inacción e deixamento neste eido. E, abofé, supuxeron viraxe cara a un novo contexto de aproveitamento de recursos e posta en valor das potencialidades de Galicia.

Cóntolles disto porque no Parlamento houbo lea estes días arredor do último tesoirazo oficial que o executivo lle meteu á I+D+i. Mais, escoitando a argumentación oficial para estoutro incríble caso de orzamento minguante, calquera diría que en Galicia, na cousa da I+D, botamos por fóra. Isto é unha fartura: non só non hai fuga de cerebros, senón que seica non hai demanda para tanta praza como aquí se fornecía, falaba o director xeral do ramo mesmo de oferta “sobredimensionada”…

Á luz de sucesos coma este, hai días que penso que somos un país de casualidades. Existimos por accidente de inercias e estraños azares. Navegamos a cotío ás apalpadelas, sen rumbo nin temón. É un misterio que o noso barco non afogara no remuíño dalgún precipicio da realidade. Pero aquí continuamos, vogando a resignación de avanzar sen estratexia. E, malia todo, a sociedade móvese e constrúe posibilidades a pesares dos atrancos. Sería bo que o presidente Feijóo se acordase daquelas retóricas da I+D+i a próxima vez que, mirando cara a Madrid, insinúe que non conta con instrumentos de acción para o estímulo da feble economía galega. Seguro que lle podemos suxerir algunhas ideas. De momento, onde debía haber máis Investigación, Desenvolvemento e Innovación… topamos con burocratización, obstaculización e estancamento.

 

O artigo en Xornal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *