Noguerol.eu Rotating Header Image

Ir por libre

Artigo esta semana en Xornal:

Gusto moito das homilías, e non necesariamente das que se escoitan en terreo sagrado, xa que nalgunhas solainas e tabernas practícase o pasatempo do sermón coa mesma entrega fervorosa dalgúns púlpitos. Pero postos a que a un o homilíen como é debido, non hai cousa como prestarlle oídos aos profesionais destes discursos. E en tema de homilías non atoparán peritos da palabra tan agudos como os da Igrexa, sempre desgadellando o océano das escrituras para levar a auga ao rego do que lles conveña.

O outro día escoiteille unha ben boa ao Benedicto XVI, quen diante dunha entregada masa de mozas e mozos avisou contra quen “cede á tentación de ir pola súa conta”. Certamente, non é unha recomendación nada revolucionaria para ese mar de mocidade sempre desexoso de desafíos e tentacións que lles axuden a descubrir algo máis sobre si mesmos e sobre o caótico mundo no que lles tocou nacer, medrar e reproducirse. Pero xustamente, sobre nacer, medrar e reproducirse, a tropa benedictiana ten inflexíbeis e rigorosas normas. E velaí unha: olliño cos librepensadores aos que lles seduza a fascinación dun cristianismo “pola súa conta”, ceibe de constricións e xerarquías.

E postos a analizar institucións en crise, acordoume a min que a Súa Santidade vén sendo, desde ese punto de vista, un individuo que di en voz alta o que a moitos espécimes políticos lles gustaría dicir: que quen queira actuar politicamente debe pasar polo aro (estreito) das burocracias e xerarquías a tal fin establecidas pola partitocracia reinante. Miren vostedes por onde aparece unha similitude entre a petición do Papa aos mozos de que non sigan a Deus “pola súa conta” e a crecente crise de representatividade das formacións políticas. Os mesmos políticos que aspiraron a que o apoio ás súas siglas fose un acto de fe veñen insinuando ese convite en forma de advertencia á mocidade: coidado con facer política “pola súa conta”.

Atrás de todo, o inmobilismo, certo medo a que os máis novos reinterpreten a realidade, a que se indignen e descubran novos mecanismos para facer futuro: mesmo mecanismos para transformar esas institucións caducas. Tócalles ás tales institucións decidir se queren deixar entrar o aire fresco e reinventarse. Non vaia ser o demo que, entregadas as xeracións máis novas a esa tentación de pensaren pola súa conta, acaben chegando á conclusión de que as actuais xerarquías, sexan da Igrexa ou outras, amosan ser sobrantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *