Noguerol.eu Rotating Header Image

E a vostede, aplicáronlle un test de estrés?

Cando un non procede formativamente do eido da economía e lle falan da aplicación de tests de estrés é lóxico que un tenda a despistar un chisco a literalidade da terminoloxía e adaptar a cousa aos seus propios criterios.

Por iso, descúlpenme se á luz da devandita expresión fracaso unha e outra vez á hora de identificar a frase con requilitorios técnicos sobre a medición da solvencia de entidades financeiras. Porque cando a un lle falan de test de estrés o máis lóxico parece imaxinar a alguén facéndolle a puñeta a un outro alguén, do tipo de meterlle un dedo nun ollo ou tocarlle os narices por ver ata onde a paciencia deixa de volverse santa.

E baixo esoutra definición un si que ten a oportunidade de asistir diariamente a diversas, audaces e inxustas labazadas coas que a realidade pon a proba o estrés da cidadanía. Paradoxos desa realidade, desta vez as entidades financeiras a miúdo non son o obxecto a quen se lle pon a proba o estrés, senón a gadoupa que teima a meterlle o dedo no ollo a un cidadán calquera a ver ata onde aguanta.

Neste contexto é no que se me xuntan en poucos días diante do nariz varias anécdotas sobre desánimos laborais. Supoño que en parte por azar e en parte porque as conxunturas andan estes días moito máis xeradoras de adversidades que noutros tempos pasados que, certamente si, foron mellores.

Os protagonistas son unha mostra de traballadores calquera, excelentes profesionais que, no medio da estreitura económica, teñen o privilexio de traballar para empresas punteiras nos sectores tecnolóxico, financeiro e téxtil. Pero mira ti por onde que a saneada fortaleza dos seus contratadores non é óbice para que sufran por exemplo de atrasos en pagos, aumento de horas e perda de ingresos, negativas en materia de conciliación e outros carabullos directos ao ollo.

Inevitable pensar que, se as empresas máis fortes, mesmo unha robusta multinacional, insiste en precarizar así nos seus traballadores, será porque se cadra honra e proveito non caben nun xeito e porque o de indignarse vai camiño de ser o estado natural do cidadán medio e honrado traballador.

Escoiteille a un conselleiro delegado ­dunha empresa de xestión de capitais que se pode resumir a situación económica afirmando que o que pasa é que “o sistema está feito un trapo”. En todo caso, debe ser un retal de trapos ben sucios. Eu espero que non pretendan seguir lavándoos a cargo das nosas paciencias.

(Artigo publicado en Xornal de Galicia)

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *