Noguerol.eu Rotating Header Image

Cos ollos pechados navégase mellor?

Analizar, examinar, concretar e definir son actividades que se lle supoñen intrínsecas a un goberno calquera. O mesmo que, en función dos achados e resultados desas análises, se entende que un goberno debe planificar, proxectar e programar obxectivos específicos. Pero o problema de facer diagnoses, prognósticos e deseñar plans en consecuencia é que os pormenores desas análises poden debuxar situacións demasiado complexas.

E a quen non lle interese lidar con problemas complexos ten dúas opcións ben resolutivas: a primeira, dicir que o desafío en cuestión non é cousa nosa. E a segunda opción, tan eficaz como a primeira, é evitar profundizar na cuestión e deixar que o desafío esvaeza ou apodreza, segundo lle cadre. Como se fose un trebón que, inevitablemente, caerá sobre as nosas cabezas ou pasará de longo sen tocarnos, en función de como o azar dos ventos o guíe polos ceos.

Este é xustamente un dos mecanismos de acción, ou máis ben de inacción, preferidos pola administración actual da leira galega: deixar o barco ao pairo que, total, algo ha moverse aínda que sexa pola forza das correntes, en lugar de arriscarse a coller o temón e poñer en práctica as ciencias da navegación para tratar de competir na regata do futuro.

Un goberno que en Galicia esquece que mesmo os presuntamente azarosos designios da meteoroloxía responden a pautas que poden observarse e estudarse, investigando os seus comportamentos, extraendo conclusións e debuxando prognósticos que sirvan a sectores diversos, desde o turístico ao agrogandeiro poñendo por caso.

Por iso non deben estrañarnos decisións como a do recorte dun 20% de persoal nun servizo como o de Meteogalicia. É apenas unha anécdota tan simple como reveladora do modus operandi de país que goza do poder hoxe en día: para que afinar demasiado o prognóstico do día seguinte se carecemos de vontade, gañas ou intelixencia como para actuar en consecuencia.

Segundo esa política, a mellor estratexia é a ausencia dela, sempre que o baleiro se poida maquillar con retóricas grandilocuentes. Por iso, nin grandes decisións, nin proxectos lexislativos ambiciosos, nin estratexias innovadoras. Deben pensar algúns, cos ollos pechados navégase mellor. E seica o mellor é non poñerse obxectivos. Non sexa que a realidade impida alcanzalos. Claro que, advírtolles, hai un dito que reza: o mal tempo sempre colle a quen se descoida.

(Artigo publicado en Xornal de Galicia)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *