Noguerol.eu Rotating Header Image

Cando espertei, a subcomisión seguía alí

Non serei eu quen negue o dito aquel de que non hai atallo sen traballo. A sabedoría popular sabe moito de paciencias. Pero tampouco fai falta apelar ás velocidades do século XXI para esixir que, cando menos na cousa da xestión pública, lle aforren á cidadanía burocracias innecesarias aplicando a máis resolutiva das teorías políticas inventadas: a do sentidiño.

E non foi precisamente iso o que aplicaron estes días no Congreso PSOE e PP cando o debate tocou o asunto das hipotecas que afogan milleiros de persoas a conta do burbullazo inmobiliario. Na práctica, a cuestión parecía doada de resolver: sobre a mesa, unha proposta do BNG que, abreviando, pedía a reforma da lexislación para saldar, é un dicir, eses naufraxios familiares, coa entrega da vivenda. A maior gloria da banca, os grupos maioritarios tumbaron a proposta. Iso si, puxeron como escusa socialistas e populares que para falar da cousa xa se creara unha semana atrás unha subcomisión.

Unha ollada á foto do día é exemplificante: apenas un pequeno grupo de deputados de PP e PSOE asistían á sesión onde se falou deste tema. A realidade aló por Madrid é así de revirada. Deputados como o coruñés Francisco Jorquera, autor da proposta, pasan a lexislatura aplicados e hiperactivos. E é que representantes das minorías parlamentarias, IU, BNG ou PNV por exemplo, lideran o ranking de actividade no Congreso mentres a actualidade nos sorprende sabendo que un tal Ángel Acebes, deputado do PP sen apenas actividade parlamentaria, vai deixar a Cámara para adicarse aos seus negocios. Negocios aos que xa se adicaba pillando cacho igualmente da soldada congresual.

Ao que ía: voto emigrante ou infraestruturas pendentes xa foron exemplo de temas onde moitos preguiceiros gañaron tempo para desvalorizar políticas escusándose en que había unha “subcomisión” para falar da cousa. E por certo, xustamente, a dación en pago foi unha das moitas reclamacións subliñada entre as prioridades do 15M.

Iso si, aínda que xa lles confesei a miña admiración polo espírito ilusionante destes foros, recentemente escoitei nunha destas prazas de que certo asunto era competencia dun rapaz responsable dunha subcomisión… Demo! Coidado… Non vaia ser certo aquel dito kafkiano de que cando unha revolución se evapora só deixa atrás a lama dunha nova burocracia… O ánimo subcomisionizador é inescrutable e implacable.

 

(Artigo publicado en Xornal de Galicia)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *