Noguerol.eu Rotating Header Image

A maxia fana as persoas

Máis dunha vez das que andei predicando por foros diversos adiante labuenanueva do papel de internet en sectores varios acabei renegando dese omnímodo poder que moita xente lle atribúe á rede de redes. E creo que é bo e san que a xente que traballa nese ecosistema TIC evite caer en evanxeos reducionistas sobre as novas autoestradas que as tecnoloxías labran no cotiá das nosas realidades.

Digo isto ao fío dunha análise que veño de ler onde un experto subliña que, se ben os recentes acontecementos en Tunisia e Exipto non foron unha revolución por internet “sen internet esta revolución non se tería producido”. Unha rotundidade da que os optimistas do planeta debéramos discrepar. Por saúde mental e transformadora debéramos confiar en que han de existir ducias de catalizadores alternativos capaces de acender a faísca do cambio. O mesmo no Cairo que aquí ao lado.

Reducir a enerxía mobilizadora na que desembocaron as ansias de cambio e as décadas de humillacións e reivindicacións á simpleza dunha revolución con clave internáutica esquece moitas leccións necesarias, posiblemente as leccións máis importantes. Podemos expoñer se queren as estatísticas que nos din do feble número de computadores, conexións ou contas en redes sociais. Mais non será necesario. Cando se vaia debullando o relato do día a día destas semanas históricas descubriremos que había poucas máquinas e moitas persoas.

Non, a tecnoloxía non fai maxia. A maxia fana as persoas. Persoas turrando polos seus dereitos e por tempos mellores. Persoas ilusionadas. E se as TIC, cando as haxa, poden servir para axilizar, poñer en contacto e mobilizar en tempo récord, benvidas sexan. Pero os ‘Nunca Máis‘ do planeta, agora e sempre, agromarán da capacidade da xente para brincar por riba das resignacións e pedir en voz alta por un outro futuro.

 

(Artigo en Xornal de Galicia)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *