Noguerol.eu Rotating Header Image

O que os concellos poden ensinarlle á Xunta

Galicia - Mapa Municipal

A posta en marcha das áreas metropolitanas foi un interesante debate na anterior lexislatura, especialmente no que lle correspondeu á área metropolitana de Vigo. Aí a acendida discusión proporcionou o divertido reclamo de ver arrebolar labazadas dialécticas entre persoeiros do mesmo partido. Foi daquela cando Abel Caballero perfeccionou a armadura de cruzado da causa viguista.

Aínda non saltara o ex ministro á area política local como candidato en 2007 cando ensaiou un combate contra a Xunta enarborando a bandeira viguesa e esixindo a retirada do borrador para a área metropolitana. Para maior animación, o intercambio de losqueadas tiña no outro lado do ring a un histórico do coruñesismo vazquiano, o daquela conselleiro Xosé Luís Méndez Romeu.

Á fin, a pelexa acabou converténdose nunha rifa por ver cal era o número de concellos que integraría a metrópole. No medio da guerra, a daquela voceira socialista en Pontevedra chegou a definir o rexedor olívico, Abel Caballero, de localista desnortado e “viguista desfasado”. Lembremos que, con bo criterio, o daquela bipartito pontevedrés, co alcalde Lores á fronte, propoñía sentido común, xenerosidade, máxima cooperación e evitación de duplicidade de servizos.

Esa nunca resolta loita da área viguesa, lembremos que o PP prometera solucionala no seu primeiro ano de Goberno, proporciona claves reveladoras e un chisco desesperanzadoras. En primeiro lugar: que a creación de organismos supramunicipais fundamentais para un desenvolvemento territorial áxil e moderno quedan freadas en liortas polo poder. Ademais: a ansiedade por dispoñer deses novos organismos e controlalos oculta unha dramática falta de propostas concretas. Por riba: entidades e políticos chamados a integrar e xestionar eses instrumentos pendentes amosan escasa vontade de planificación e colaboración coas ferramentas, moitas das que xa dispoñen agora.

Mais non todo é ermo, e neste contexto chama ao optimismo observar como algúns pequenos concellos teñen vontade de darlle a outras administracións leccións de eficacia e capacidade de xestión. Xornal contáballes estes días da intención por terras de Soneira de avanzar na mancomunización cunha estratexia máis ambiciosa do habitual. Aforrar para darlles mellores servizos aos cidadáns: no fondo esa é a verdadeira austeridade que nos gustaría ver nas administracións. A que resolve os problemas no canto de crealos.

O artigo completo no Xornal do pasado luns: O que os concellos poden ensinar á Xunta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *