Noguerol.eu Rotating Header Image

Febreiro, 2011:

A maxia fana as persoas

Máis dunha vez das que andei predicando por foros diversos adiante labuenanueva do papel de internet en sectores varios acabei renegando dese omnímodo poder que moita xente lle atribúe á rede de redes. E creo que é bo e san que a xente que traballa nese ecosistema TIC evite caer en evanxeos reducionistas sobre as novas autoestradas que as tecnoloxías labran no cotiá das nosas realidades.

Digo isto ao fío dunha análise que veño de ler onde un experto subliña que, se ben os recentes acontecementos en Tunisia e Exipto non foron unha revolución por internet “sen internet esta revolución non se tería producido”. Unha rotundidade da que os optimistas do planeta debéramos discrepar. Por saúde mental e transformadora debéramos confiar en que han de existir ducias de catalizadores alternativos capaces de acender a faísca do cambio. O mesmo no Cairo que aquí ao lado.

Reducir a enerxía mobilizadora na que desembocaron as ansias de cambio e as décadas de humillacións e reivindicacións á simpleza dunha revolución con clave internáutica esquece moitas leccións necesarias, posiblemente as leccións máis importantes. Podemos expoñer se queren as estatísticas que nos din do feble número de computadores, conexións ou contas en redes sociais. Mais non será necesario. Cando se vaia debullando o relato do día a día destas semanas históricas descubriremos que había poucas máquinas e moitas persoas.

Non, a tecnoloxía non fai maxia. A maxia fana as persoas. Persoas turrando polos seus dereitos e por tempos mellores. Persoas ilusionadas. E se as TIC, cando as haxa, poden servir para axilizar, poñer en contacto e mobilizar en tempo récord, benvidas sexan. Pero os ‘Nunca Máis‘ do planeta, agora e sempre, agromarán da capacidade da xente para brincar por riba das resignacións e pedir en voz alta por un outro futuro.

 

(Artigo en Xornal de Galicia)

Luz de Tebra

Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz“Mentres eu escribía estas historias médicas, o escritor Costa Clavell ingresaba no Hospital Vall d’Hebron de Barcelona para ser operado a vida ou morte do corazón. Nada máis abrir o cirurxán a gaiola torácica saíu dela un merlo, que se elevou en voo resolto na atmosfera inanimada do quirófano (…)”

Velaí comezo de Mal de Amores, o primeiro relato de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz. O libro está sendo tan fermoso como prometía ese inicio. (Aquí unha entrevista ao autor en Galicia Hoxe: “A vida é moi literaria”)

Wanderer über dem Nebelmeer

Wanderer über dem Nebelmeer

Recordando o “Camiñante no mar de néboa”, de Caspar David Friedrich, visto o ano pasado na Kunsthalle (Hamburg)

Quenda para Marrocos o 20 de febreiro?

Visto no Facebook: 20 février 2011, Le Réveil Marocain.

-Un terzo da poboación marroquí son mozos de entre 15 e 19 anos
-A mocidade representa o 82% do desemprego
-O país rexistra un 40% de analfabetismo
-O PIB por habitante é de 3.527 euros
-Un terzo da poboación vive por baixo do umbral da pobreza
-Con múltiples intereses na rede económica do país, o monarca Mohamed VI converteuse no sétimo máis rico do mundo

Logo de que o pobo tunisiano e exipcio falase forte e claro nas rúas, os marroquís prepáranse para facelo. Mesmo hai enriba da mesa argumentos socioeconómicos aínda máis fortes que ás dos veciños en revolta.

Galicia, “parador”

Manolo Rivas este venres en El País:

“Cando o do desastre do Prestige, un dos efectos positivos do movemento cívico foi provocar unha revolta de mentalidades. Había que emerxer do naufraxio. Darlle a volta á catástrofe para se por a andar. Galicia non podía ficar en stand by, a velas vir, parada. E entón foi cando o Goberno pariu a grande idea. O que había que facer era un parador nacional.
Coa perspectiva do tempo, a cousa ten a súa ironía. Se Galicia se move, hai que ofrecerlle un parador.
-Andan os galegos moi revoltos, xefe. Hai que facer algo que os tranquilice.
-Pois mandarlles o mapa dun parador!
E así ficamos outra xeira de anos. Parados á espreita dun parador.

(….)

Os lugares falan. Os lugares adoitan expresar o que queren ser. Esa é unha clave da intelixencia urbanística.
E se algo quere ser, se algo merece ser, a xenuína prisión provincial da Coruña é un espazo de liberdade”.

Parar o parador, liberar a prisión

remexendo na néboa… ‘Surreal Sunrise’, de David Kaplan, no National Geographic