Noguerol.eu Rotating Header Image

Decembro, 2010:

Balance 2010

pequenas apocalipses aparte, 2010 estivo cheo de magníficos momentos, pero o mellor está aínda por vir, benvido 2011!

Encántame Stacey Kent, mais aquí vos deixo tamén o orixinal sinatriano:

Voces: antoloxía de narradores cataláns

“E o tenente Pierre Carrière, armado cun ramo de flores, abalanzouse sobre a fronte inimiga”

Así remata o primeiro relato da antoloxía de narrativa catalá Voces, coordinada pola escritora Lolita Bosch. Titulado El Héroe, ese conto de apertura, apenas un par de paxiniñas e obra de Guillem Sala, é un anuncio extraordinario do que vén despois. Unha heterodoxa escolma chea de frescura que xunta un feixe de novos narradores cataláns. Moitas delas pezas inéditas que tratan unha gran diversidade de temas e desde estilos ben diferentes. Interesoume moito tamén o prólogo que fai a coordinadora do volume e de xeito especial as breves pero intensas e pouco convencionais introducións que lles adica a cada un dos autores.

Nunha breve procura na rede atopei unha pequena reflexión de Lolita Bosch coincidindo coa presentación do libro:

“Onde xorde a actitude negativa ante a literatura catalá? Para Lolita Bosch, unha das claves desta valoración é que vivimos nun un país histericamente politizado dende moitas frontes”. Considera que “a política e sobre todo a política lingüística en Catalunya é algo esencial. Pode resultar complicado de entender dende fóra, pero aquí a lingua é case un obxecto. Só a falamos 12 millóns de persoas no mundo e estamos case todas aquí”. Sostén que a relación coa lingua é utilizada polos políticos de todos lados: “parece que a lingua sexa unha elección política (…) e isto entorpece a lectura e impide que os lectores se poidan achegar con curiosidade lectora a textos que non coñecen”.

Xa me tarda a (terapéutica) sensación de cambio de ano

oka, xa abondou co 2010, non estivo mal, tráianme axiña 2011 para comezar a espremelo

Manifesto en Defensa dos Dereitos Fundamentais en Internet

1. Os dereitos de autor non poden situarse por enriba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.
2. A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir sendo competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon en mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns o acceso a calquera páxina web.
3. A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico estatal, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, entorpecendo a creación de empresas, introducindo trabas á libre competencia e retardando a súa proxección internacional.
4. A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e entorpece a creación cultural. Con internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizouse extraordinariamente a creación e emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.
5. Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Intentar soster con cambios lexislativos a unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo ámbito non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en internet non é posible sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían buscar outro modelo.
6. Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, cribles e alcanzables e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.
7. Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga sendo libre.
8. Esiximos que o goberno español garanta por lei a neutralidade da rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostible e realista de cara ao futuro.
9. Propoñemos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.
10. En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e despois de consultar previamente a todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.

Tirado da web da Asociación de Internautas

Her morning elegance

Unha fermosura este vídeo de Oren Lavie argallado coa técnica stop-motion O propio músico dirixiu o clip.

On the web again

Andiveron a convencerme para abrir outro blog. Pero seica os blogs xa non existen… ou non son o que alguén dixo que eran. Así que isto non será un blog, senón o que lle cadre ser. Como propósito de aninovo, velaí outro para a lista: deixar pensadas (confesables) á luz da rede. (Aproveito o solsticio para coller impulso).

(A imaxe é dunha pintura de Marc R-Hanson titulada, xustamente, ‘Solsticio de Inverno’)